Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta autoriza a contratación adicional de 40 coruñeses perceptores do Risga para traballar no Concello herculino


A Xunta autorizou a contratación adicional de 59 persoas perceptoras de Risga en toda a provincia cubrindo así a demanda de todos os concellos da provincia que o solicitaron e cumprían os requisitos
A Consellería de Economía, Emprego e Industria autorizou a contratación adicional de 59 perceptores de Risga en toda a provincia dos que 40 son para a cidade da Coruña dando resposta á solicitude presentada polo Concello herculino. O investimento na cidade da Coruña para a contratación destes desempregados é de máis de 278.000 euros. Estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal.

No ámbito provincial a Xunta apoiará con esta ampliación a contratación de perceptores de Risga cun investimento total de 451.625 o que permitirá financiar 59 novos postos de traballo nos concellos de A Coruña, Cee, Oroso, Carballo, Cedeira e Oza-Cesuras.

Desta forma todos os concellos que o solicitaron, e cumprían os requisitos, contarán con algún traballador contratado a través desta axuda autonómica que desempeñan labores en distintos servizos de interese xeral de competencia municipal.

Risga
Polo que respecta á contratación dos preceptores do Risga, na comarca da Coruña xa estaba aprobado, na primeira convocatoria, o investimento de máis de 350.000 euros que permitiu contratar a 41 persoas. Con esta nova ampliación de 59 novos contratos serán en total 83 os beneficiarios que se integrarán no mercado laboral na comarca cun investimento total de 647.000 euros, o que supón prácticamente duplicar o investimento previsto inicialmente.

O importe medio en Galicia desta axuda concedida por traballador é de 8.747 euros, case un 4% máis que o ano pasado. Na contratación terán preferencia, ao igual que nas últimas dúas edicións deste programa, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.

Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios será de sete meses. A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas tívose en conta o número de desempregados, a evolución do paro entre 2013 e 2017 de cada localidade e da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a peche do ano pasado.

Na provincia da Coruña este plan de emprego contou cun orzamento inicial de máis de 1,6 millóns para crear 189 postos de traballo. Con esta nova ampliación o esforzo inversor de Consellería de Economía, Emprego e Industrial ascende a máis de dous millóns para contratar a 248 perceptores do Risga. Deste xeito quedan atendidas todas as solicitudes que cumprían os requisitos.